Friday 03 de May de 2024

Oitenta artistas actuarán este domingo no Coliseum nun espectáculo de música e danza tradicional


As entradas para “Endaterra”, a nova produción de Xacarandaina, están á venda na plataforma virtual de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense

O espectáculo reivindica o patrimonio cultural inmaterial que xorde ao redor do Camiño Inglés e do tramo Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago

O Concello e Xaracandaina levan a cabo con “Endaterra” unha grande aposta da cidade polo folclore tradicional

Oitenta artitas actuarán este próximo domingo no Coliseum na posta en escena de “Endaterra”, o novo espectáculo de música e danza tradicional que presentará Xacarandaina da man de Quique Peón e de Lucía Veiga.

Será a partir das 21.00 horas cando se desenvolva un espectáculo construído ao redor da historia e o acervo cultural dos concellos que atravesan os Camiños de Santiago, no seu trazado inglés e mais o do tramo de Fisterra-Muxía. Baixo a dirección de Quique Peón reunirá no escenario a máis de 80 artistas entre corpo de baile, coro, actrices e instrumentistas. As entradas están á venda en Ataquilla.com e no despacho de billetes da praza de Ourense, no seu horario habitual.

Na obra recóllese e reivindícase o patrimonio cultural inmaterial que xorde ao redor de dúas das rutas do Camiño de Santiago que están menos protexidas, como son o de Fisterra-Muxía e, sobre todo, o Inglés. Son dous camiños que en realidade ben poden ser considerados como unha unidade, como un mesmo camiño, e sobre esa idea de fusión reflexiona o espectáculo, dirixido por Quique Péon e que conta coa presenza de Lucía Veiga, que este ano recibiu o premio Mestre Mateo como mellor actriz secundaria pola serie Rapa.

“Endaterra” é un novidoso espectáculo que fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega. A montaxe conta cunha banda sonora composta en exclusiva e dispón dunha singular produción audiovisual para crear unha paisaxe sonora e visual con imaxes e sons naturais dos itinerarios xacobeos Inglés e mais de Fisterra-Muxía.

“Endaterra” conta co apoio do Concello da Coruña, ademais da Deputación da Coruña, Xunta, e das asociacións dos concellos polos que pasan estes dous Camiños de Santiago.

A produción representa unha completa mostra da ampla cultura tradicional de dúas das rutas compostelás menos exploradas. Desenvólvese así un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren estas dúas vías a Santiago. O material etnográfico que se emprega forma parte do arquivo do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, froito do seu traballo de recollida durante máis de corenta anos de traxectoria e que abrangue os concellos da Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo, Ordes, Mesía, Oroso, Dumbría, Ames, Negreira, Mazaricos, Cee Corcubión, Fisterra, Muxía e a propia Compostela.

O argumento baséase na peregrinación feita en 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago con epílogo en Fisterra e Muxía. A viaxe desta intrépida muller divídese en tres etapas: a primeira realízase en barco desde o porto do Londres ata o da Coruña, despois a pé desde a cidade herculina até a capital de Galicia e logo ata os confíns da Costa da Morte.

Para a representación desta historia Xacarandaina mobiliza 80 artistas en escena. O corpo de baile conta con trinta persoas de entre 17 e 35 anos, mentres que o grupo de pandeiretas está formado por doce mulleres que se encargan da percusión de man. A peza tamén inclúe un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocan pezas tradicionais de distintas épocas. O coro conta con 35 voces e o amplo despregamento artístico complétase con “Os do fondo da barra”, grupo de trece homes que representan coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.

Con este espectáculo, Xaracandaina, da man do Concello, leva a cabo unha aposta da cidade polo folclore máis tradicional, tal como demostra a montaxe prevista para o Coliseum, o maior recinto cultural coruñés. Xacarandaina é unha das asociacións culturais más destacadas da cidade. Fundada hai xa 44 anos, conta con máis de 1.500 persoas asociadas e mobiliza cada ano nas súas actividades de formación a preto de 700 persoas. De feito, recibiu no pasado mes de marzo, pola súa traxectoria, o premio da Cultura Galega na categoría de Patrimonio Cultural, que concede a Xunta de Galicia.